Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

1/30/2024

O valo

 

     Para conmemorar a data de hoxe, Día da Paz, a coordinadora dos Clubs de Lectura propón para 1º ESO a obra “O valo”, de Carlos Labraña. 

"No medio do deserto, o Soldadiño de Chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame xusto onde o mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, unha rapaza que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Peza dun único lance para dous personaxes coa guerra de Siria como pano de fondo, “O valo” propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades."

Sinopse publicada por Editorial Xerais

      Durante as vindeiras xuntanzas do club faremos unha lectura dramatizada, na que o alumnado caracterizarase interpretando os distintos personaxes da obra.

1/27/2024

Lecturas de Miserábeis

     Este curso retomamos no centro Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a nosa Comunidade Educativa traballou con grande dedicación durante os cursos 18/19 e 19/20. En marzo de 2020 a pandemia impediu a súa continuidade e agora o claustro do centro aprobou poñelo novamente en marcha, facendo partícipe ao alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais do IES Illa de Ons. 

     Desde a biblioteca seleccionáronse tres adaptacións da obra mestra de Víctor Hugo para a súa lectura nos grupos de 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO. Deste xeito facilitarase ao alumnado coñecer mellor a historia de Jean Valjean e dos personaxes de todas as clases sociais que o rodean, na Francia do século XIX.

10/28/2023

Subnormal. Unha historia de acoso escolar

 

   Este mes de outubro iniciamos as primeiras actividades dos clubs de lectura lendo a obra de banda deseñada "Subnormal", unha historia real de acoso escolar, guionizada por Fernando Llor e debuxada por Miguel Porto. Iñaki Zubizarreta, ex xogador de baloncesto que sufriu acoso durante a súa etapa escolar, é o protagonista deste durísimo relato ilustrado.

    Tras ler o libro organizamos na biblioteca dúas xuntanzas co alumnado de 1º ESO, nas que realizamos distintas actividades co obxectivo de rachar cos prexuízos e fomentar a empatía. Reflexionamos sobre os alcumes e sobrenomes que damos aos demais, os roles que podemos atopar na maioría de situacións de acoso e como debemos actuar para evitalas ou darlles unha solución. Por último fixemos unha posta en común dos sentimentos que espertou en nós a lectura deste libro.



6/18/2023

La voz que no cesa


    A última proposta de lectura para o club de 4º ESO foi "La voz que no cesa",  a biografía gráfica sobre Miguel Hernández de Ramón Pereira e Ramón Boldú. Tras a lectura tivemos ocasión de reflexionar sobre distintos aspectos da obra:

  • Os aspectos que nos chamaron a atención en termos de estilo visual.
  • Como se abordan temas como a guerra, o compromiso político e a poesía.
  • A importancia do contexto histórico e cultural na historia.
  • A mensaxe principal que o autor intenta transmitir.
  • O equilibrio no uso de imaxes e texto. Predomina un sobre o outro?
  • Os elementos visuais que axudan a transmitir as emocións e sentimentos dos personaxes na historia.
  • O impacto como novela gráfica no xénero e na representación da vida e obra de Miguel Hernández.

6/04/2023

Francisco Fernández del Riego

      O pasado mércores tivemos unha visita moi especial no Illa de Ons, Anxo Rajó veu presentar o libro "Francisco Fernández del Riego, galeguista de acción e cultura” da editorial Ir Indo, unha biografía escrita no 2000 por Xosé Luís Franco Grande, aumentada nesta edición por Anxo Rajó. Anxo profunda nesta revisión na vida e obra de Don Paco, completando o traballo de Franco Grande e coas aportacións de Marián Vidal e Bieito Ledo. 

     Despois da presentación o alumnado tivo ocasión de participar nun kahoot con preguntas sobre o libro e de conversar co seu antigo profesor para recordar vellos tempos. Os gañadores e gañadoras da proba foron agasallados coa biografía dedicada polo autor.

5/26/2023

Seguindo os pasos do capitán Nemo

Escultura do Capitán Nemo e buzos do Nautilus na praia de Cesantes

    O 18 de febreiro de 1868, o capitán Nemo chegaba á Ría de Vigo a bordo do Nautilus para facerse cos tesouros de Rande. O capítulo VIII da segunda parte do libro "20.000 leguas de viaxe submarina", dá a coñecer a batalla librada en outubro de 1702 durante a Guerra de Sucesión entre españois e ingleses e que deu como resultado o afundimento da “Frota de Ouro”, cargada con tesouros procedentes do continente americano.

     "O capitán levantouse e rogoume que o seguise. Obedecinlle, xa recuperado o meu sangue frío. O salón estaba escuro, pero a través dos cristais transparentes refulxía o mar. Mirei.

     Nun radio de media milla en torno ao Nautilus as augas estaban impregnadas de luz eléctrica. Víase claramente o fondo areoso. Homes da tripulación equipados con escafandras ocupábanse de inspeccionar bocois medio podrecidos, cofres desfeitos no medio de restos ennegrecidos. Das caixas e dos barrís escapaban lingotes de ouro e prata, fervenzas de piastras e de xoias. O fondo estaba sementado deses tesouros. Cargados do precioso botín, os homes regresaban ao Nautilus, depositaban nel a súa carga e volvían emprender aquela inesgotable pesca de ouro e de prata.

     Comprendín entón que estabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar no que se afundiron os galeóns fretados polo goberno español. Alí era onde o capitán Nemo cubría as súas necesidades e lastraba con aqueles millóns ao Nautilus."

     Pero o suposto tesouro de Rande non foi só froito da imaxinación de Julio Verne, senón que desde hai decenas de anos foron moitos os que tentaron a súa procura. Aínda que se descoñece o paradoiro dos seus tesouros e se os coñecidos como "Galeóns de Rande" seguen mergullados ou non entre a Illa de San Simón e a Ponte de Rande, o certo é que este lugar deu orixe a multitude de historias e lendas. 


     Como actividade complementaria á lectura do libro "20.000 leguas de viaxe submarina", esta semana viaxamos por mar desde Cangas ata a Enseada de San Simón para visitar o Museo de Meirande e coñecer o acontecido na famosa Batalla de Rande, o patrimonio industrial e histórico desta zona e os tesouros arqueológicos e culturais da época. A continuación desembarcamos na Illa de San Simón, unida á illa de San Antón por unha ponte, na que descubrimos a súa interesante historia como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos.

     Placa conmemorativa dedicada ao Capitán Nemo e á tripulación do Nautilus na Illa de San Simón

3/23/2023

Os nenos da varíola


     O alumnado de 2º ESO que forma parte do club de lectura reuniuse hoxe na biblioteca para debater sobre a obra de María Solar "Os nenos da varíola", unha novela baseada nun importante feito histórico, protagonizado por un grupo de nenos orfos que, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. A viaxe, organizada en 1803 polo doutor Balmis e coa importante participación da enfermeira Isabel Zendal, supuxo a primeira expedición sanitaria a nivel mundial.